Os novos iPhone renovan a súa interface de control táctil

mércores, 9 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O iPhone 6s e iPhone 6s Plus son dispositivos que non estaban chamados a sorprender, pois como as anteriores versións S dos smartphones de Apple supoñen unha simple revisión do modelo anterior, pero iso non quere dicir que Apple deixase de incorporar novidades interesantes, como a posibilidade de disparar Live Photos (fotografías que capturan un momento en movemento) e unha curiosa adaptación do force touch do Apple Watch, aquí chamado 3D Touch, e que supón toda unha revolución para o xeito de controlar o móbil, xa que o teléfono non só sabe cando se pousa o dedo sobre a pantalla, senón que tamén detecta cando se fai forza, o que permite crear toda unha serie de xestos que poderían lembrar a premer o botón dereito dun rato informático, pero que irían un chisco máis aló, facilitando o salto entre aplicacións e axilizando o acceso a contidos en certas aplicacións, o que suporá un dobre reto: por unha banda os usuarios deberán afacerse ao novo sistema de control e, por outra, os desenvolvedores deberán decidir como aproveitar esta prestacións (que durante bastante tempo estará limitada a un número moi reducido de dispositivos con iOS).
As melloras nas cámaras dos novos iPhone tamén son considerables, xa que a cámara traseira chega aos 12 Mpíxeles e incluso permite a gravación de vídeo a ultra alta definición. No caso do iPhone 6s Plus tamén destaca o feito de que a estabilización óptica de imaxe xa non se emprega só nas fotografías, senón que tamén se aproveita na gravación de vídeos, o que permite conseguir boas imaxes en movemento en contornos pouco iluminados. No caso da cámara frontal non só temos un sensor de 5 Mpíxeles, senón que tamén destaca o chamado Retina Flash, que consiste en empregar a pantalla do teléfono a xeito de flash, o que contribúe a sacar boas auto-fotos en condicións de baixa luz.
Ao manter os tamaños de pantalla de 4,7 e 5,5 polgadas para o iPhone 6s e o iPhone 6s Plus respectivamente temos unha situación bastante curiosa, pois deste xeito Apple comercializaría un dos poucos smartphones insignia de marcas recoñecidas que ten unha pantalla inferior ás 5 polgadas, que é o tamaño que entre os consumidores está a establecer como punto de partida, cando até hai pouco estes dispositivos diferenciábanse claramente incluso no novo (alcumándose como phablets ou tabletófonos).
Tamén cómpre destacar que, para poder incorporar as melloras a estes novos terminais, Apple tivo que incrementar os seus grosores en 0,2 milímetros e o seu peso en 14 e 20 gramos (detalles que espérase a que contribúan especialmente a manter unha boa autonomía). Outro cambio tamén perceptible á vista é que, aparte de poder adquirirse os smartphones con carcasas en cor prata, ouro ou gris, Apple estrea a cor ouro rosa, que promete ser a sensación da nova tempada (como aconteceu cando chegaron os dispositivos en cor ouro).
Outros elementos que coidou moito Apple son o da potencia (o procesador A9 de 64 bits consegue unha velocidade un 70% maior que un A8, á vez que mellora a súa eficiencia enerxética) e o da conectividade (o teléfono integra as últimas versións de Wi-Fi e de 4G conseguindo as descargas máis rápidas en función da tecnoloxía dispoñible en cada territorio).
Polo momento non se sabe cando chegarán estes novos smartphones ao mercado español, estando confirmado que o 25 de setembro poranse á venda en Australia, Canadá, China, Francia, Alemaña, Hong Kong, Xapón, Nova Zelandia, Porto Rico, Singapur, Reino Unido e EE.UU.

PUBLICIDADE