Os novos reloxos Amazfit incorporan oxímetro

martes, 22 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Atendendo ás últimas tendencias de mercado chegan os novos reloxos de Huami con prestacións moi semellantes a un prezo de 999 iuans (126 euros) e incorporando medición do osíxeno en sangue, co que parecen querer comprarse directamente co Apple Watch, aínda que desta volta ofrecen unha maior elección de formato, xa que aínda que o Amazfit GTS 2 chega cunha pantalla AMOLED rectangular de 1,39 polgadas claramente inspirada no reloxo de Apple, o Amazfit GTR 2 opta por unha pantalla AMOLED circular de 1,39 polgadas que achega unha aparencia máis semellante á dun reloxo de pulso tradicional.
Ambos reloxos contan con conectividade Bluetooth 5.0, NFC e Wi-Fi, medición de pulso, medición de osíxeno en sangue, acelerómetro, GPS, micrófono, altofalantes e resistencia á auga até 5 atmosferas, ou sexa, que estamos ante reloxos orientados á monitorización da actividade física (conta con 12 modos de deporte), que tamén poden empregarse para a reprodución multimedia, para recibir notificacións do móbil, para realizar chamadas telefónicas e para invocar a asistentes de voz, contando cunha boa autonomía que no caso do GTS 2 chegaría até os 7 días grazas á súa batería de 246 mAh, mentres que os 471 mAh do GTR 2 permitiríalle un uso de até 14 días.
Polo momento estes reloxos saen á venda na China, pero está previsto que cheguen oficialmente a España, aínda que haberá que ver detalles como o seu prezo de venda, o seu comportamento con asistentes de voz (xa que o asistente de voz de Xiaomi só está orientado ao mercado chinés) e o uso do NFC para pagamentos móbiles é algo que haberá de comprobar (pois moitas pulseiras de actividade con NFC non permiten realizar pagamentos en Europa).

JPEG - 77.5 KB
Os reloxos de Amazfit incorporan altofalante e micrófono

PUBLICIDADE