Os novos tablets de Amazon confirman as súas datas de chegada a España

mércores, 16 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Os Kindle Fire HDX gozan dunha grande potencia e autonomía

O mes pasado Amazon presentaba a renovación dos seus tablets Kindle Fire, o que traducíase na rebaixa de prezo do Kindle Fire HD e a aparición de novos Kindle Fire HDX en tamaños de 7 e 8,9 polgadas, dos que finalmente sabemos da súa chegada a España, que será os días 29 de outubro, 13 e 21 de novembro respectivamente, de xeito que chegarían a tempo para o Nadal.
O Kindle Fire HD destaca porque o seu modelo máis económico ten un prezo de 139 euros, o que é bastante axustado para un tablet con pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz e integración cos servizos de Amazon; aínda que para moitos resultará máis atractivo o Kindle Fire HDX con pantalla de 7 polgadas, que parte dun prezo de 229 euros con 16 Gb de almacenamento, pero destaca por contar xa cunha resolución de pantalla de 1.920 x 1.200 píxeles, un procesaodr de catro núcleos a 2,2 GHz, 2 Gb de RAM e cámara frontal de alta definición.
Nunha gama máis alta teriamos o Kindle Fire HDX con pantalla de 8,9 polgadas, que parte dun prezo de 379 euros, e que cunha impresionante resolución de 2.560 x 1.600 píxeles parece querer competir cara a cara co iPad de Apple. Tamén integra unha cámara traseira de 8 Mpíxeles e presume dunha autonomía de máis de 12 horas de uso mixto (e ata 18 horas de lectura).
Os Kindle Fire HDX non só tería unha mellor autonomía e unha maior potencia, senón que tamén gozarían da posibilidade de conectarse a un televisor sen fíos facendo uso da tecnoloxía Miracast, o que permitiría ver películas, series e fotografías no televisor dun xeito sinxelo mentres se controla a reprodución no tablet.
Aínda que neste momento parece que Amazon consegue coller dianteira fronte a Apple no que se refire a prestacións brutas dos seus tablets, cómpre destacar que é de agardar que a semana que vén Apple presente novos iPad, o que podería facer que os dispositivos da empresa de Jeff Bezos chegasen a España despois que os produtos da compañía da mazá, o que provocaría que a distancia entre as prestacións dos distintos dispositivos se acortase, converténdose o prezo a súa principal diferenza.

PUBLICIDADE