Os participantes de VíaGalicia presentaron en Lugo os seus proxectos innovadores

venres, 22 de xaneiro do 2016 Redacción

Lugo reunía hoxe aos emprendedores da zona norte de Galicia no marco do programa de aceleración ViaGalicia, que conta con dúas sedes, unha en Vigo e outra (por primeira vez nesta edición) en Lugo, xestionada dende a Fundación CEL- Iniciativas por Lugo. A xornada de hoxe -Demo Day Lugo- acollía a vinte proxectos empresariais que superaron xa varias fases de preselección e selección (inicialmente presentáronse 309 candidaturas entre Lugo e Vigo). Logo dun período de formación ou academia, entran agora na recta final de ViaGalicia, na que compiten con outros vinte proxectos da sede de Vigo, que celebrará unha xornada de demostración (Demo Day) mañá, para optar a unhas das quince prazas da fase final de aceleración, que terá lugar nunha única sede (o Centro de Negocios de Porto do Molle en Nigrán, Pontevedra).
Nesta última fase, os quince proxectos emprendedores seleccionados (que se darán a coñecer o 29 de xaneiro) recibirán unha contribución financeira de até 125.000 euros, dos que 75.000 serán achegados pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación e Xes Galicia, e os outros 50.000 polo Consorcio a través da sociedade de capital-risco Vigo Activo.
Indo á Demo Day Lugo (#DemoDayLugo) de hoxe, cómpre dicir que os emprendedores tiveron a posibilidade de expor ante o comité técnico avaliador, entidades colaboradoras e observadores pertencentes ao ecosistema emprendedor, o seu proxecto a través dunha breve presentación ou pitch. A sesión prolongouse ao longo de toda a mañá, dividida en dúas roldas de presentacións e un peche final no que se lles fixo entrega dun diploma acreditativo da súa participación na fase de academia de ViaGalicia.
Engadir por último que dende a Fundación CEL salientan a grande dificultade á hora de elixir gañadores, pois o talento emprendedor da zona norte en Lugo resultou “de dez” para eles. Asemade, tamén é preciso subliñar a variedade das propostas, vinte proxectos que hoxe se someteron á avaliación de ViaGalicia, entre eles hai: un comparador en liña de perfumaría e cosmética; unha ferramenta para preparar as oposicións online; unha plataforma para servizos domésticos; outra plataforma especializada en formadores; proxectos de produción de queixo artesán ou de produción e comercialización de algas; unha moblería artesanal; unha plataforma de fotografía histórica; un proxecto de produción de embrións bovinos in vitro; un proxecto de deseño e fabricación de trikes reclinados; unha solución para smart homes ou mesmo un proxecto de elaboración de produtos con fariña de castaña. Para obter máis información cómpre visitar as webs da Fundación CEL e de ViaGalicia.

PUBLICIDADE