Os peregrinos contarán con drons de asistencia cardiorrespiratoria

luns, 9 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Co comezo deste mes de setembro presentáronse importantes detalles da vindeira tecnoloxía aérea intelixente para atender as emerxencias dos peregrinos que percorran os camiños de Santiago. Máis en detalle, o sistema (licitado mediante o sistema de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora a través da Axencia Galega de Innovación, GAIN), consiste nun servizo integral de cardio-protección por medio de vehículos aéreos non tripulados (UAV), que ten entre as súas principais vantaxes a capacidade de seguimento e, por suposto, a rapidez na resposta ante posíbeis paradas cardiorrespiratorias. Segundo salienta GAIN, esta tecnoloxía converte a Galicia en “pioneira a nivel nacional e europeo”.
A licitación ten un importe máximo de 1.149.500 €, e o sistema deberá estar rematado, probado e validado en 2020. O sistema estará integrado coa Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias CCUS-061 que, en chamadas ao servizo con sospeitas de parada cardiorrespiratoria, facilitará a asistencia sanitaria urxente mediante o envío precoz dun electrocardiógrafo e un desfibrilador, “empregando medios aéreos non tripulados”.
Segundo informou o Goberno galego, esta licitación “busca mellorar os tempos de asistencia á poboación, achegando as manobras de reanimación cardiopulmonar e o desfibrilador semiautomático ao paciente na etapa máis precoz posíbel, facendo uso dunha aeronave non tripulada, que se presenta como o xeito máis axeitado de mellorar estes tempos en determinadas localizacións xeográficas”.
Respecto dos desfibriladores, porase o foco na súa sinxeleza e na súa usabilidade, co fin de ampliar a marxe de operatividade dos camiñantes, ou sexa, das persoas que acompañen ao paciente a pé de camiño, que estarán en comunicación co persoal sanitario dende a central de coordinación do 061, axudándoas en todos os pasos a seguir.
O sistema integrado no UAV estará dotado ademais de material médico.
A iniciativa compleméntase co proxecto Camiño de Santiago, espazo cardioprotexido, co que a Xunta incorpora desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) nos 70 albergues públicos na Comunidade. Ademais, inclúe a formación do persoal destes albergues “permitindo mellorar a cobertura sanitaria dos miles de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago nos distintos itinerarios oficiais no caso de sufrir unha parada cardiorrespiratoria”.
O contrato encádrase no programa de solucións da Civil UAVs Initiative, a iniciativa estratéxica de GAIN que ten como finalidade atraer investimentos no sector aeroespacial e desenvolver a industria de sistemas e vehículos para mellorar os servizos públicos, “convertendo o Polo Aeroespacial de Galicia nun referente internacional”.
En torno á Civil UAVs Initiative, a Xunta de Galicia publicou un total de doce contratos de Contratación Pública de Innovación (11 xa adxudicados).

PUBLICIDADE