Os primeiros reloxos con Android Wear xa están á venda por 199 euros

xoves, 26 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Durante o Google I/O anunciáronse parte das novidades que achegará a tecnoloxía Android Wear, centrada principalmente nos smartwatches, dispositivos que queren popularizarse, e como puntas de lanza desta nova aposta de Google temos que na tenda en liña da compañía de Mountain View xa están dispoñibles en reserva os primeiros produtos reloxos de pulso con Android Wear, que son o xa coñecido LG G Watch (á venda por 199 euros e con previsión de comezar a enviarse aos consumidores o 3 de xullo) e o novo Samsung Gear Live (á venda por 199 euros, que prevé remitirse aos compradores a partir do 8 de xullo).
O Samsung Gear Live é un produto bastante interesante, por ser un reloxo de pulso bastante compacto (ten un grosor de 8,9 milímetros) e lixeiro (59 gramos) que funciona cun procesador a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM e 4 Gb de almacenamento interno, contando loxicamente con conectividade Bluetooth 4.0 de baixa enerxía para enlazarse ao móbil e concentrando sensores como acelerómetro, compás dixital, xiroscopio e monitor de frecuencia cardíaca, que pode resultar moi interesante como alternativa aos reloxos deportivos, e que presenta a información nunha pantalla SuperAMOLED de 1,63 polgadas cunha resolución de 320 x 320 píxeles. Dado que é un dispositivo para o uso diario, conta con certificación IP67, ou sexa, que é resistente á auga e ao po. A súa principal eiva parece ser a súa batería de 300 mAh, que só permitiría un día de uso, o que dificilmente solucionarán os primeiros reloxos deste tipo que opten por tecnoloxías de pantalla tradicionais.
O xa coñecido LG G Watch comparte moitas das súas prestacións, parecendo un chisco máis limitado, xa que carece de monitor cardíaco e a súa pantalla IPS de 1,65 polgadas só ten unha resolución de 280 x 280 píxeles pero, en compensación, conta cunha batería de 400 mAh (que parece ser o motivo de que o seu grosor chegue aos 9,95 milímetros e o seu peso aos 63 gramos).
Temos así que a gama de produtos Android Wear comeza polos seus membros menos atractivos, mentres que o agardado Moto 360 (que coa súa pantalla circular é moito máis discreto como reloxo de pulso) non chegará ao mercado até o mes de setembro, tempo que poderían aproveitar os novos reloxos para captar compradores impacientes.
De todos os xeitos, non parece previsible que esteamos ante uns produtos que vaian supor unha revolución, nin que vaian ter unhas vendas masivas, como parece demostrar o feito de que os anteriores smartwatches de Samsung resulten case invisibles no mercado (e poidan atoparse a prezos realmente ridículos) ou que Sony, con varios anos de experiencia neste tipo de produtos, aínda non conseguise que ningún dos mesmos tivese unhas vendas significativas. Haberá que agardar a que Apple lance o rumoreado iWatch ou simplemente aínda é moi cedo para que a tecnoloxía para vestir como as Google Glass ou os reloxos conectados sexan produtos que os consumidores consideren prácticos?


Vídeo no que podemos ver como será o funcionamento do Moto 360

PUBLICIDADE