Os problemas das aplicacións de rastrexo na COVID-19 abordáronse nun webinar da RAGC

venres, 8 de maio do 2020 Fernando Sarasketa

Fernando Pérez, catedrático de Teoría do Sinal da Universidade de Vigo e académico da RAGC

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organizou un seminario virtual no que abordou o proceso de desescalada en Galicia baixo ópticas sanitarias, tecnolóxicas e sociais. No encontro tomaron parte, amais do presidente da RAGC, Juan M. Lema, os investigadores Germán Bou Arévalo, Fernando Pérez González, María José Pereira Rodríguez e José M. Sabucedo Cameselle. O punto de vista tecnolóxico foi o fío temático da intervención do catedrático de Teoría do Sinal da Universidade de Vigo e académico da RAGC, Fernando Pérez, quen tocou temas como o ámbito da liberdade de movementos individuais e como esta liberdade contraponse coas propostas para facer seguimento das persoas a través de dispositivos.
O catedrático falou das dúas opcións debatidas en Europa de aplicacións móbiles para rastrexar contactos en tempos de pandemia: protocolos centralizados (nos que a detección de contactos de risco faise nun servidor central) ou descentralizados (que a priori ofrecen maior privacidade xa que a detección ten lugar no teléfono de cada usuario). Fernando Pérez indicou que ambos modelos “comparten unha serie de problemas relacionados coa fiabilidade de estimación de distancias con sinais Bluetooth e vulnerabilidades de seguridade e privacidade que poden minar por completo a credibilidade do sistema”, até o punto de que “resultan desaconsellábeis”, indicou, porque poden xerar unha falsa sensación de seguridade. A conclusión do profesor Pérez é que o anonimato que se garante nestas aplicacións, “aínda que desexables, fainas incompatíbeis co rastrexo manual, e polo tanto apenas podería aforrar traballo aos rastrexadores”.
O seminario en liña Estratexias de desescalado e comportamento social celebrouse esta tarde da man da RAGC na plataforma Zoom, a partir das 17.00 horas e presentado por Juan Lema Rodicio, presidente da academia. Germán Bou Arévalo, xefe do Servizo de Microbioloxía do CHUAC, abordou a cuestión dos criterios microbiolóxicos na desescalada; María José Pereira Rodríguez, xefa do Servizo de Medicina Preventiva do CHUAC, afondou na cuestión da vixilancia epidemioloxía que se precisa na pandemia; e José Sabucedo Cameselle, catedrático de Psicoloxía Social da USC, falou de cooperación ou enfrontamento social na crise sanitaria.

PUBLICIDADE