Os recursos formativos en galego de Esenciais USC, dispoñíbeis en liña
venres, 9 de decembro do 2022- Recursos de coñecemento da USC para o alumnado nunha imaxe de Santi Alvite
Os corenta títulos que integran a colección
Esenciais USC, escolma recursos cos que a Universidade de
Santiago sintetiza materias para acompañar ao alumnado no proceso de
aprendizaxe dos contidos, xa poden consultarse en aberto a través
da Libraría
Dixital da USC. Esenciais pretende ser “un recurso que
sirva para apoiar o traballo do profesorado e a comunidade de
estudantes nos seus diferentes papeis”, explican fontes da USC,
engadindo que esta colección naceu como “ferramenta que permita
achegar o galego á docencia”.
Segundo explica o Servizo de
Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, impulsor da
iniciativa, esta abéirase ao Obxectivo de Desenvolvemento
Sustentábel 4, que aspira a garantir unha educación inclusiva,
equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe
durante toda a vida para todos. Os Esenciais permitiron dende
2019 “mellorar a comunicación lingüística en galego no eido
científico na universidade, así como transmitir información veraz
e crear materias válidos para o Ensino Secundario e para o eido
profesional como pode ser o SERGAS”, informan, engadindo que os
capítulos da colección “conforman un resumo executivo do curso
con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non
verificadas”.
Deste xeito, os
corenta títulos que poden ser lidos en liña ou descargados en
formato PDF constitúen recursos condensados do saber que conteñen o
esencial dunha materia. A colección arrincou en 2019 cunha
proposta piloto ao que paulatinamente foron sumándose títulos ata
chegar ata ese medio cento que agora pasa a estar dispoñíbel en
aberto.