Os responsables do ataque á web da ONU xa hackearan os sitios de Harvard, a NASA e o Real Madrid

luns, 13 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Tras o ciberataque á web da ONU, os responsables das mensaxes antibelicistas que foron penduradas nas páxinas interiores da rede da dita organización mundial admiten pertencer a un colectivo internacional de activismo virtual que xa ten incluído as súas consignas nos sitios de importantes institucións e compañías multinacionais.

O concepto deste grupo de activistas, que empregan a Rede coma vehículo das súas mensaxes, foi creado polo experto en informática ENO7, e o seu colectivo conta no seu currículo con ataques a grandes obxectivos, entre os que destacan Toyota, Nestlé, Yahoo, Sony, Cocacola, Fanta, por citar só algúns exemplos. Ademais das devanditas multinacionais, outras páxinas de institucións coma a Universidade de Harvard e a de Columbia, e até a NASA ou a UNESCO foron hackeadas por este grupo.

Como curiosidade, cómpre salientar que as empresas españolas SEAT e o Real Madrid tamén albergaron nas súas páxinas mensaxes deste grupo.

O ataque de onte, que segundo a web Cyberprotest e un artigo publicado polo xornal australiano ABC foi levado a cabo polo grupo Mosted (autodefinido “o centro turco e musulmán dos hackers”) xunto con Karim125 e gsy. Estes tres hackers “acocharon” as mensaxes do colectivo nun miúdo apartado onde aparecen as declaracións do secretario xeral da ONU Ban Ki-Moon (na imaxe).


Os poderosos non poden oprimir ós febles

O ataque dos hackers herdeiros de ENO7 de onte responde á máxima do grupo que sostén que “os poderosos non poden oprimir aos febles”, frase que empregan como lema da organización. Ente as consignas filtradas na web da ONU incluíase a seguinte: “Que Estados Unidos e Israel deixen de matar nenos e outras persoas. Non a Guerra. Paz para sempre.”

Segundo indican os responsables da agrupación, na actualidade militan nas súas fileiras hackers de nove países entre os que destacan os fundadores do movemento, nados en Turkía (ENO7) e Chile (byond). Segundo eles, o fin do grupo non e “irromper en sitos para dar mensaxes estúpidas” de xeito aleatorio, senón o de lanzar un chamamento “contra a guerra”.

PUBLICIDADE