Os sectores das TIC, hoteis e axencias de viaxe son os máis dixitalizados de España

venres, 24 de setembro do 2021 S. P.

Red.es vén de presentar o seu novo informe Dixitalización das Pemes 2021, elaborado polo ONTSI (Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade) e dirixido a avaliar, anualmente, as tendencias da dixitalización das empresas españolas. Segundo se fai saber na nova investigación, as firmas dos sectores da información e as comunicacións (TIC), dos hoteis e das axencias de viaxes, son as máis dixitalizadas do panorama produtivo estatal. Esta tónica vénse repetindo dende hai xa uns cantos anos, con estes sectores figurando como líderes, tamén, en materia de penetración do Big Data, utilizando a tecnoloxía para a análise de información a gran escala xerada por medios sociais.
Internet das Cousas
O uso dos dispositivos de Internet das Cousas (IoT) no tecido empresarial alcanza ao 4,6% de microempresas e o 16,8% de pemes e grandes empresas. No informe faise saber que “as múltiples funcionalidades e posibilidades de uso do IoT fan dela unha tecnoloxía que non se asocia a sectores de actividade concretos, como son a impresión 3D ou a robótica máis vencellados a sectores especializados como a industria, senón que a súa penetración distribúese de forma máis homoxénea entre o dez sectores analizados”.
Ciberserguridade
Cunha penetración de Internet practicamente na totalidade das pemes e grandes compañías de España (98%), a investigación salienta o medre substancial “da concienciación sobre a necesidade de activar medidas de seguridade, sobre todo no segmento de menor tamaño, onde a porcentaxe de empresas que adoptan algunha medida de seguridade sitúase nun 70,2% en 2020 (+13,2 p.p. con respecto a 2019)”. O informe do ONTSI engade que cada vez máis empresas facilitan aos seus empregados dispositivos móbiles con acceso a Internet para uso empresarial (77,3% de pemes e grandes e 55,1% de microempresas; +6,5 p.p. e +11,5 p.p. fronte a 2018, respectivamente), sendo o sector de vendas e reparación de vehículos no que a porcentaxe de medre foi maior (+10,3 p.p.).
Tamén ten cada vez ten maior relevancia o uso do comercio electrónico para realizar vendas de produtos e servizos. En 2019, produciuse un importante salto, alcanzando ao 25,5% de compañías de 10 ou máis empregados (+5,1 p.p.) e ao 9,5% de menos de 10 (+3,7 p.p.).
En canto ao índice europeo, o informe guinda o seguinte dato: o nivel de dixitalización de España sitúase por encima do valor medio da UE-27 e sae “especialmente reforzada” nos aspectos relacionados co acceso a Internet, tipoloxías de acceso e uso de medidas de seguridade, con valores similares aos obtidos por Dinamarca e Suecia, que encabezan a clasificación. Pola contra, España obtén valores por baixo da media europea nos ámbitos relacionados co cambio cultural nas empresas, capacitación (presenza de especialistas e formación en tecnoloxías) e produtos e servizos.

PUBLICIDADE