Os tablets con nVIDIA Tegra 3 poderían custar 299 dólares dentro de medio ano

luns, 21 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Huang participou hai unhas semanas no AsiaD

Os tablets con tecnoloxía nVIDIA Tegra 3 están a sorprender agradablemente cunha potencia comparable á dun ordenador de sobremesa cun procesador Core 2 Duo, e aínda que é de agardar que os primeiros modelos (como o Asus Eee Pad Transformer Prime) cheguen ao mercado a prezos próximos aos 500 euros, o director xeral de nVIDIA, Jen-Hsun Huang, nun almorzo coa prensa asegurou que agardan que nun par de trimestres estes dispositivos poidan reducir o seu prezo a 299 dólares.
Estas declaracións resultan moi esperanzadoras, pois nestas semanas estamos a ver como compañías como Amazon e Barnes & Noble están a acaparar moita atención cos seus tablets de 199/249 dólares, polo que o feito de que por este prezo en menos dun ano poidamos ter dispositivos de altas prestacións podería disparar a presenza no mercado deste tipo de dispositivos, que poderían facerse un oco máis que merecido, rematando co monopolio de facto do iPad de Apple.

PUBLICIDADE