Os televisores de Ikea xa están á venda en Estocolmo

luns, 18 de xuño do 2012 Marcus Fernández

A estrea de Ikea no negocio da electrónica de consumo deu moito que falar nas últimas semanas, e agora comeza a converterse en realidade, chegando a semana pasada os televisores Uppleva á tenda da compañía en Estocolmo, para comezar a súa distribución por outros países europeos a partir do 2 de xullo (agardándose que no outono poidamos velos en España).
Agora que xa é unha realidade imos coñecendo máis detalles técnicos dos televisores Uppleva, como que teñen paneis LED Full HD (1.080p), que polo momento conta con modelos de 24 polgadas (a 50 Hz), 32 polgadas (a 100 Hz) e entre 40 e 46 polgadas (a 400 Hz), poden reproducir ficheiros MP3, MP4, DivX HD e JPEG, teñen fenda para tarxetas de TDT de pagamento, contan con 1 porto USB e 2 HDMI no modelo de 24 polgadas e 2 portos USB e 4 portos HDMI no resto e poden equiparse cunha unidade de memoria USB de 8 Gb que permite gravar as emisións televisivas e facer pausas en directo. Aínda que daba a impresión de que incluía Wi-Fi de serie, parece que a conectividade sen fíos tamén chegará a través dun adaptador externo.
Tamén detallan que o seu sistema de son 2.1 conta cun subwoofer sen fíos, ten unha potencia total de 400 vatios, conta con radio FM, emprégase co mesmo mando a distancia que o televisor e é compatible con smartphones, reprodutores multimedia e outras fontes de audio.
ACTUALIZACIÓN: As primeiras críticas sobre a solución para o salón de Ikea aseguran que aínda que o concepto é elegante, o televisor non dá o talle nin en calidade de imaxe nin nas súas prestacións como Smart TV.

Para simplificar a vida do usuario, esta solución integral só contará cun mando a distancia
O televisor Uppleva chegará como unha solución integral de televisor, reprodutor multimedia e moble en distintas configuracións e estéticas
O televisor de Ikea conta con funcións avanzadas e uso doado

PUBLICIDADE