Os televisores de LG amplían a súa oferta de xogos na nube

luns, 5 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Os televisores e o xogo na nube continúan a ir da man, facendo cada vez máis real o concepto de consola de videoxogos sen consola, e agora LG anuncia que os seus últimos televisores incorporarán os servizos de Blacknut e Utomik Cloud en setembro e novembro respectivamente, facendo que os usuarios poidan gozar de grandes videoxogos sen contar cun ordenador ou unha consola, e sen ter que padecer o molesto proceso de descarga e instalación dos títulos. Ambos servizos funcionan mediante subscrición e ofrece un amplo catálogo de xogos.
Blacknut achega máis de medio milleiro de xogos de ordenador e consola, como Metro Exodus, Overcooked e unha ampla colección de xogos de Disney; mentres que Utomik Cloud achegará unha selección de máis dun cento de xogos da súa colección de máis de 1.300, abarcando diversos xéneros e destacando títulos independentes como Coffee Talk, My Time at Portia e Turnip Boy Commits Tax Evasion.
Estas novas aplicacións chegan aos televisores LG con webOS 6.0 e webOS 2022, e completan así a actual oferta de xogos na nube dos televisores da marca surcoreana, que xa permitía gozar de nVIDIA GeForce NOW e Google Stadia.

PUBLICIDADE