Os vindeiros móbiles chineses poderán cargarse completamente nun cuarto de hora

luns, 13 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Agora que os smartphones con baterías xenerosas son algo ordinario cobra relevancia a velocidade de carga dos dispositivos, que estes días vai mudar de xeito substancial, xa que varios fabricantes chineses están a presentar as súas novas tecnoloxías de carga rápida, conseguindo fitos importantes que até hai pouco poderían parecer imposibles.
No caso de iQOO, marca filial da chinesa Vivo, temos hoxe a presentación da súa tecnoloxía FlashCharge de 120 watts, conseguindo así que un smartphone poida completar a súa carga en só 15 minutos, e no caso dun smartphone cunha batería de 4.000 mAh chegarían con 5 minutos para completar a metade da carga. O grande reto deste tipo de cargas é a refrixeración dos dispositivos durante o proceso, o que iQOO consegue mediante un sistema de disipación mediante refrixeración líquida.
Os primeiros dispositivos coa carga de 120 watts poderían chegar ao mercado chinés xa no mes de agosto, polo que estamos a falar dunha tecnoloxía que xa está lista para unha implantación masiva, de aí que non sorprenda que haxa outros fabricantes que tamén avancen na mesma dirección, pois Oppo tamén vén de anunciar que o vindeiro día 15 presentará publicamente un sistema de carga rápida de 125 watts, o que é un salto moi importante se temo en conta que o anterior sistema de carga ultrarrápida do mesmo fabricante era de 65 watts.

PUBLICIDADE