Os xogos de Apple Arcade serán menos exclusivos do que se anunciou inicialmente

venres, 13 de setembro do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro día 19 chegará Apple Arcade, un servizo de videoxogos por subscrición, compatible con dispositivos de Apple (ordenadores, móbiles, tabletas e incluso o Apple TV) que destaca pola súa selección de máis dun cento de xogos de calidade sen anuncios nin compras integradas, que poden xogarse sen conexión e que poden compartirse no ámbito familiar, que terá un prezo de 4,99 euros/mes e que no seu anuncio aseguraban que os seus xogos serían exclusivos, detalle que vén de matizarse, xa que hai compañías de videoxogos que están a confirmar que a definición de exclusividade por parte de Apple non se corresponde ao que estamos afeitos, senón que simplemente quere dicir que os xogos non estarán dispoñibles para Android.
A suposta exclusividade de Apple Arcade nin sequera se limita a dispositivos móbiles en xeral, xa que os xogos deste catálogo tamén estarán dispoñibles para Nintendo Switch (así como para ordenadores persoais e consolas), ou sexa, que aínda que Apple contribúa á produción de moitos dos títulos de Arcade, finalmente moitos serán multi-plataforma, para poder ser economicamente viables.
Un limitación na que si parece que serán rigorosos é na de que os xogos de Apple Arcade non poderán estar incluídos noutros servizos de subscrición, nin estar dispoñibles para a súa compra por separado en iOS, en contrasto co que acontece con servizos como Xbox Game Pass (compatible coa comercialización dos xogos por separado).

Vídeo promocional de Apple Arcade

PUBLICIDADE