Os xogos de Tony Hawk volven en edicións remasterizadas

martes, 12 de maio do 2020 Marcus Fernández

O vindeiro 4 de setembro volverá unha saga de xogos que marcou os anos 90 e 2000 protagonizada polo skate Tony Hawk a través dunha versión remasterizada dos seus dous primeiros xogos, que poderán así xogarse en Xbox One, PlayStation 4 e PC grazas ao traballo de Vicarious Visions, estudio detrás de Crash Bandicoot N. Sane Trilogy.
Tony Hawk’s Pro Skater 1 + 2 combinará todos os niveis orixinais, os skaters profesionais, os trucos da vella escola e todos os detalles dos xogos clásicos, incluíndo parte dos seus éxitos musicais. O xogo tamén contará cos modos multixogador orixinais (tanto en liña como fóra de liña) e incluso contará coa opción Create-A-Park, que inclúe un completo editor con novas formas de personalización que poderán compartirse cos amigos a través da Rede. O xogo presentarase en resolución 4K con gráficos actualizados e mellorados e con animacións a 60 imaxes por segundo.
As versións para PC e Xbox One deste xogo xa están dispoñible en reserva a un prezo de 44,99 euros para a edición normal e a 54,99 euros a edición deluxe, que inclúe adicionalmente o personaxe The Ripper de Powell-Peralta; aspectos retro únicos dos 80 para Tony Hawk, Steve Caballero e Rodney Mullen; e contido retro único para o modo Crear skater.

Os xogos de Tony Hawk volven con gráficos actualizados

Tráiler de presentación de Tony Hawk’s Pro Skater 1 + 2

PUBLICIDADE