Ourense acollerá o evento Mobile Week nos anos 2021, 2022 e 2023

mércores, 30 de xuño do 2021 S. P.

Este 29 de xuño a Deputación de Ourense formalizou un acordo histórico para o fortalecemento da provincia no panorama internacional do ámbito tecnolóxico. En concreto, o presidente Manuel Baltar, asinou co CEO de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, un convenio para celebrar o evento Mobile Week en Ourense nos anos 2021, 2022 e 2023. Será “un evento de referencia mundial no sector tecnolóxico e que terá a Ourense como protagonista”, dixo, Baltar. O acordo formalizouse no marco do Mobile World Congress 2021.
O presidente da Deputación tamén se reuniu coa directora de Digital Future Society e responsábel de Mobile Week, Cristina Colom, e con representantes de Red Mundo Atlántico, para ultimar a celebración do dito acontecemento tecnolóxico en Ourense, que se vai desenvolver na provincia galega por primeira vez (e durante tres anos consecutivos), ofrecendo un espazo no que participar activamente dos cambios que traen as novidades tecnolóxicas, así como formar nas habilidades profesionais para o futuro.
O convenio sinala que, co fin de trasladar o modelo de éxito da Mobile Week, porase especial esforzo en involucrar no evento á contorna académica, universidades, centros de investigación e centros académicos de referencia; así como ao tecido social, colectivos, asociacións, fundacións, artistas, científicos, pensadores e emprendedores, e ao sector privado, empresas, startups, espazos de innovación, tecnolóxicos e profesionais do sector.
A edición de 2021 da Mobile Week Ourense celebrarase do 19 ao 23 de novembro. A Deputación comprométese a organizar, producir e promover o evento, traballando de forma conxunta con entidades representativas do territorio do tecido económico, social, académico etc. para promover a xeración de sinerxías e dar a máxima difusión ao evento. Pola súa banda, MWCapital prestará asesoramento en materia de contidos e organización co obxectivo de contribuír ao correcto desenvolvemento da cita tecnolóxica.

PUBLICIDADE