Overwatch chega a Nintendo Switch

xoves, 17 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Esta semana o célebre xogo de acción en primeira persoa protagonizado por carismáticos heroes, Overwatch, estreou versión para Nintendo Switch, plataforma para a que está dispoñible por 39,99 euros incluíndo, aparte do xogo completo, 5 aspectos de heroes lendarios, 5 aspectos de heroes épicos, 5 aspectos de heroes orixinais e un código para gozar de 3 meses do servizo Nintendo Switch Online, imprescindible para gozar do xogo en liña na consola de Nintendo. Quen merque o xogo antes do 31 de decembro tamén desbloqueará unha caixa de botín dourada con, como mínimo, un obxecto lendario.
A estrea de Overwatch realizouse de xeito simultáneo a nivel mundial, pasando o evento un tanto desapercibido xa que Blizzard Entertainment cancelou os actos presenciais de promoción para evitar que se empregasen como centros de protesta polas revoltas de Hong Kong (xa que tiveron que expulsar a varios xogadores das competicións oficiais do xogo por realizar declaracións políticas, colocando á compañía no punto de mira).
Polémicas aparte, falamos dun xogo que saíu en 2016 para PC, Xbox One e PS4, coincidindo co lanzamento do Battleborn de Gearbox, título co que gardaba moitas semellanzas e ao que esnaquizou totalmente, facéndoo irrelevante pese a ser unha produción dos creadores de Borderlands. Ou sexa, que estamos ante o desembarco en Switch dun título moi consolidado, que chega para unha máquina claramente inferior, polo que a experiencia de xogo tamén se resinte, pero de seguro que convencerá a moitos que poden perdoar as eivas desta versión un chisco limitada ante a comodidade de poder botar unha partida afastado do televisor ou do monitor. Se ben o xogo pode mellorar ao longo das actualizacións que recibirá nos vindeiros meses, moitas das súas limitacións son inherentes á consola na que corre, polo que non podemos esperar milagres, e de sermos conscientes disto é posible que atopemos en Overwatch un xogo o que paga a pena darlle unha oportunidade en Switch.

Tráiler de lanzamento de Overwatch para Nintendo Switch

PUBLICIDADE