Ozona desenvolverá o proxecto cloud do Consello Xeral do Poder Xudicial

luns, 7 de decembro do 2015 Redacción

Ozona Tecnoloxía, firma galega especialista en servizos de virtualización e de computación na nube, vén de resultar adxudicada para o desenvolvemento da plataforma para o intercambio cloud de ficheiros do Consello Xeral do Poder Xudicial. A notificación desta entidade foille achegada á empresa o pasado 18 de novembro e nela comunícaselle a encarga de dar forma aos servizos de almacenamento seguro e accesíbel que permitan acubillar a través de Internet a documentación xerada polo Sistema de Xestión de Comisións da devandita entidade xudicial, como lembraremos un órgano colexial que ten entre as súas funcións principais a de garantir a independencia dos xuíces no exercicio da súa función.
Segundo reflicte o Clúster TIC, plataforma da que forma parte Ozona, o dito Conxello Xeral requiría para o seu Sistema de Xestión de Comisións “dun sistema de almacenamento na nube que permitise o acceso á documentación desde calquera emprazamento, minimizando a posibilidade de erro dos sistemas de Consello e aumentando o período de atención ante incidencias cubrindo o período 24X7, 365 días ao ano”.
Como lembraremos, Ozona foi recoñecida recentemente pola multinacional de virtualización Citrix como socia referencial en Europa. Este premio distinguiu o traballo que a compañía vén desenvolvendo nos últimos anos xerando novos proxectos e abrindo novos horizontes para a tecnoloxía de Citrix. Precisamente, segundo engade o Clúster, a tecnoloxía de Citrix constitúe o alicerce do proxecto a desenvolver para a dita entidade xudicial.

PUBLICIDADE