Ozona e o Grupo Euskaltel despregarán postos de teletraballo en modo cloud

xoves, 9 de xullo do 2020 Sonia Pena

O Grupo Euskaltel, do que forma parte da operadora R, e máis a firma tecnolóxica Ozona, con sede en Santiago, chegaron a un acordo para proporcionar, de xeito conxunto, contornas avanzadas de teletraballo, ou sexa, contornas en modo cloud que blinden a operatividade das empresas ante calquera incidencia (por exemplo unha pandemia como a que vivimos este ano), asegurando a posibilidade de traballar a distancia e acceder á información e ás aplicacións “de maneira segura e áxil”. En última instancia, o obxectivo é fornecer aos profesionais dunha experiencia de usuario idéntica á obtida no posto de traballo habitual.
Segundo informaron as empresas, as solucións proporcionadas están baseadas en tecnoloxía Citrix e presentan o engadido extra de integrarse con facilidade e sinxeleza nas infraestruturas existentes. “Non requiren cambios na estratexia TI e incorpóranse cun modelo de custos previsíbel e flexíbel, posto que se entregan en pago por uso”, explicaron.
En concreto, as solucións propostas permiten unha completa flexibilidade ao combinar servizos nun DataCenter Virtual (DCV) próximo con servizos na nube pública, permitindo altas prestacións derivadas da proximidade do centro de datos e a súa integración nativa coa rede privada de datos do cliente, así como unha garantía de seguridade da solución.
Para Ramón Ares, CEO de Ozona Tecnoloxía: “En Ozona desenvolvemos unha estratexia exitosa de teletraballo nas primeiras semanas do confinamento. A nova normalidade vai xeneralizar este modelo. Na procura dun socio capaz de responder a este reto atopamos ao Grupo Euskaltel, que conta cunha capacidade demostrada en grandes proxectos, e é garantía en comunicacións e servizos na nube”.
Pola súa banda, Isidro Fernández de la Calle, director de Negocio Empresa do Grupo Euskaltel, asegurou que “o teletraballo veu para quedar e a experiencia intensiva do mesmo que moitas empresas viviron é a mellor demostración de que é unha modalidade perfectamente válida en moitos escenarios. Ademais, demostrou que redunda nun incremento da produtividade e unha redución de custos. Desde o Grupo Euskaltel queremos facilitar aos nosos clientes as mellores solucións que faciliten esta nova forma de traballar e contar cun partner de referencia en tecnoloxías de virtualización e seguridade como é Ozona”.

PUBLICIDADE