PLUG, a batería externa de 48.000 mAh e 2 tomas de corrente

xoves, 22 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Hai un mes dimos conta da campaña de micromecenado para facer realidade a batería externa Omnicharge, que destacaba por contar cunha toma de corrente capaz de alimentar dispositivos electrónicos como cargadores de baterías ou adaptadores de corrente de ordenadores portátiles que precisasen como moito de 100 watts de potencia, e vendo a magnífica respostas ante esta iniciativa (que recadou máis de 2,3 millóns de dólares, multiplicando por 42 o seu obxectivo económico) chega agora unha nova opción na mesma liña, pero apuntando máis alto: PLUG.
Estamos ante unha nova batería externa que conta cunha capacidade de 48.000 mAh acumulada en celas fabricadas por Tesla, que pode entregar até 250 watts de corrente (contando tanto con 2 tomas de corrente compatibles con numerosos tipos de enchufe, 2 portos USB de carga rápida e 1 porto USB-C), pode recargarse durante o seu uso e inclúe (opcionalmente) un panel solar para facilitar a súa recarga en exteriores (sendo capaz de completar unha carga en 8 horas). Deste xeito o PLUG é unha magnífica opción para viaxeiros, profesionais que traballen ao aire libre ou persoas que queiran poder levar os seus trebellos electrónicos á praia ou de acampada sen medo a quedar sen batería.
Probablemente o peor de PLUG é que esta batería externa pesa 992 gramos, e ten unhas dimensións que semellan as dunha gravadora de DVD externa (en formato de 3,5 polgadas), pero de transportalo nunha mochila podería permitir usos tan impresionante en mobilidade como recargar un portátil até 3 veces, recargar un smartphone até 28 veces ou incluso facer funcionar un televisor durante 4 horas e, ao contar con dúas tomas de corrente.
Neste momento o PLUG pode encargarse a través de Indiegogo a un prezo de 199 dólares (201 euros cos gastos de envío incluídos), subindo este prezo até os 349 dólares (344 euros cos gastos de envío) de incluír o panel solar, e podendo conseguirse un aforro no caso de pedir dúas unidades xuntas.

Vídeo promocional de PLUG

PUBLICIDADE