PREDIF e Vodafone reuniron a 50 profesionais do eido turístico no seu curso de accesibilidade

venres, 4 de outubro do 2013 Redacción

Celebrouse finalmente en Compostela, no Centro Superior da Hostalaría de Galicia, a actividade formativa que anunciamos hai uns días en Código Cero e que se dirixiu a achegar fórmulas e metodoloxías entre os nosos profesionais do sector do turismo no camiño dunha meirande accesibilidade a tódolos niveis, tanto física como virtual. Máis polo miúdo, o que se pretende é que o noso tecido hostaleiro perfeccione a atención ás persoas con diversidades funcionais. O curso forma parte do convenio subscrito entre PREDIF (Plataforma Estatal de Persoas con Discapacidade Física), Fundación Vodafone España e o Real Padroado sobre Discapacidade, desenvolvéndose baixo o seguinte epígrafe: Turismo accesíbel e atención ao cliente con discapacidade ou outras necesidades diversas.
A actividade contou coa presenza do xefe da área de Xestión de Calidade de Turgalicia, Enrique Pérez, que recoñeceu que a accesibilidade no turismo é sinónimo de calidade. Asemade, explicou que ao fío disto Turgalicia elaborou a Guía de aloxamentos accesíbeis de Galicia, na que se detalla toda a oferta de establecementos adaptados para viaxeiros con este tipo de características físicas e motrices e que inclúe, en galego e en castelán, en papel ou descargábel en pdf a través de turgalicia,es, un total de186 aloxamentos destas características distribuídos por toda a xeografía galega.
O curso tamén contou coa presenza de Xulio Castro, director do Parador Nacional de Santiago, que explicou como desde esta entidade traballan na xeración de produtos turísticos adaptados a través do desenvolvemento do Plan de Accesibilidade Universal de Paradores, posto en marcha no ano 2006. Ademais, o responsábel do Departamento Vacacional de Viaxes 2000, Emilio Martínez, indicou que aproximadamente o 50% das vendas da axencia proceden da organización de viaxes adaptados para persoas con diversidades funcionais, polo que salientou en que o turismo accesíbel “é unha oportunidade de negocio”.
O curso, de dous días de duración, contou coa participación de 50 profesionais do sector turístico (restaurantes, aloxamentos, oficinas de turismo, empresas de turismo activo), e representantes de distintas administracións públicas locais. Durante o mesmo, os participantes experimentaron en primeira persoa a falta de adaptación de infraestruturas e servizos a través dunha actividade práctica na que puideron manexar unha cadeira de rodas ou desprazarse con antefaces e bastóns guía, mentres percorrían o Centro Superior de Hostalaría de Galicia e a súa contorna. Tamén aprenderon a empregar ferramentas para realizar o autodiagnóstico de accesibilidade dos seus establecementos que lles servirá para ofrecer a información aos seus clientes de forma obxectiva.
Como dixemos, o curso forma parte do convenio subscrito por PREDIF coa Fundación Vodafone España e o Real Padroado sobre Discapacidade, cuxo obxectivo é contribuír á normalización do lecer e o turismo para as persoas con discapacidade a través da formación.

PUBLICIDADE