PUBG estrea versión 1.0 para PC

xoves, 21 de decembro do 2017 Marcus Fernández

O xogo que está a ser considerado o fenómeno do ano, PLAYERUNKNOWN’S BATTLEGROUNDS (PUBG), por fin abandona o acceso anticipado en Steam, lanzando finalmente a súa versión 1.0, de xeito que xa é un xogo de verdade e non un título en probas, o que celebrarán agasallando unha camiseta virtual de Winner Winner Chicken Dinner a todos os que se conecten ao xogo nos vindeiros días.
Esta impresionante experiencia que conseguiu pór de actualidade o xénero battle royale foi posible grazas a unha escoita activa do público e unha evolución realmente notable que conseguiu crear un produto difícil de comparar con calquera outro, e co significativo detalle de que o máis divertido deste título non é sempre xogalo, pois o mero feito de ver a alguén xogar tamén ten o seu aquel e, de feito, foi iso o que disparou a popularidade de PUBG (xa que boa parte do público coñeceu o xogo por retransmisións en directo e gravacións de partidas).
Os responsables de manter este xogo en liña tamén están a facer un traballo titánico nos últimos meses, xa que o volume de xogadores simultáneo está a rexistrar cotas notables, e se contamos que tamén está dispoñible para Xbox One, en total sumaría 30 millóns de xogadores, o que sitúa a PUBG nun exclusivo club de xogos que superaron tal barreira en menos dun ano, aínda que neste caso o logro ten máis mérito por corresponder a un título que non foi editado por unha grande compañía.

PUBLICIDADE