Panasonic anuncia un tablet reforzado para a primeira metade de 2012

martes, 8 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Para os usuarios que precisen dun tablet de grande tamaño (con pantalla de 10,1 polgadas) en contornos agresivos Panasonic anuncia que vai comercializar o Toughpad FZ-A1 na primavera do ano que vén a un prezo de 850 euros no seu modelo estándar e de 999 euros para o modelo con conectividade 3G. O fabricante tamén prepara un modelo de 7 polgadas para a segunda metade de 2012.
O Toughpad FZ-A1 é ideal para persoas que traballen en exteriores, que non teñan que preocuparse pola integridade dos seus dispositivos en condicións desafiantes, de aí que este dispositivo que funciona cun procesador de dobre núcleo Marvell a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb) e sistema operativo Android 3.2 sexa capaz de soportar caídas a unha altura de 120 centímetros, así como resistir auga e po (IP65). Tamén terá unha pantalla anti reflexos e cun brillo de 500 cd/m2 (para facilitar o seu uso baixo a luz do sol) e unha relación de aspecto 4:3, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, GPS, compás dixital e unha autonomía de ata 10 horas.


Vídeo promocional dos Panasonic Toughpad

PUBLICIDADE