PayPal pecha a porta a Pornhub

xoves, 14 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A páxina web de contido adulto Pornhub ten actualmente uns 100 millóns de usuarios diarios e, aínda que para a meirande parte os usuarios pase desapercibido, é unha importante fonte de ingresos para moitos creadores de contido erótico, tanto empresas como particulares, negocio que vén de topar un importante atranco no camiño, xa que PayPal decidiu deixar de darlles servizo, de xeito que máis de 100.000 persoas poderían verse afectadas por esta medida que impediríalles recibir os seus ingresos económicos.
Este cambio unilateral de PayPal supón que moitos profesionais están a ver como deixaron de percibir ingresos pola súa actividade, aínda que no caso de profesionais europeos isto non debería ser un problema, xa que Pornhub permite utilizar o débito directo SEPA, o que facilita os pagamentos dentro da Unión Europea, pero dende outros países podería resultar complicado cobrar os beneficios obtidos de Pornhub.
Dende PayPal aseguran que Pornhub realizou certos tipos de pagamentos sen solicitar o permiso oportuno, mentres que dende Pornhub aseguran que a situación non deixa de ser un caso máis de discriminación contra os traballadores do sexo, que cada vez teñen menos servizos de procesamento de pagamentos que os acepten como usuarios. Esta suposta discriminación é consecuencia tanto de diferentes lexislacións locais como de simples decisións éticas por parte dos responsables das empresas que non queren participar en negocios que teñan que ver co mundo do sexo, de xeito que medidas dirixidas a loitar contra a explotación sexual poden rematar afectando a persoas que optaron pola venda de contidos sexuais como forma de vida.

PUBLICIDADE