Persona 5 Strikers e Dirt 5 figuran entre os xogos de PS Plus de xaneiro

mércores, 29 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Sony vén de desvelar a relación de xogos que estarán dispoñibles para os subscritores de PlayStation Plus a partir do 4 de xaneiro, que desta volta son tan interesantes como diversos, xa que pertencen a xéneros bastante distintos, de aí que é doado que algún dos títulos encaixe nos gustos da meirande parte dos xogadores.
O xogo estrela de PlayStation Plus en xaneiro sería Persona 5 Strikers, título para PlayStation 4 que nos traslada ao universo de Persona para vivir unha aventura chea de acción e combates explosivos; aínda que os amantes do motor probablemente prefiran recibir Dirt 5, unha nova entrega da franquía de condución de Codemasters permite gozar dunha experiencia de carreiras todoterreo en PlayStation 4 e PlayStation 5.
Completa a oferta de xaneiro Deep Rock Galactic, un xogo independente que se estrea directamente en PS Plus e que vén a ser un shooter cooperativo de ciencia ficción en primeira persoa, que pode ter unha boa aceptación do público ao chegar a través do servizo de subscrición de PlayStation (o que garante moitos milleiros de xogadores en liña dende o día do seu lanzamento).

PUBLICIDADE