Philips GoGear Connect, o novo reprodutor multimedia con Android 2.1

martes, 31 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Philips levará esta semana á feira IFA o seu novo reprodutor multimedia Philips GoGear Connect, que destaca por ser «o primeiro reprodutor MP4 en ofrecer unha experiencia Android completa» (pois permite o acceso ao Android Market). Conta cunha pantalla táctil de 3,2 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles, tecnoloxía FullSound, sincronización da súa música mediante Philips Songbird (tanto por USB coma por Bluetooth), GPS, compás dixital, lector de tarxetas microSD, integra cámara para gravar vídeo e tomar fotografías, pesa 128 gramos e mide 113 x 12,6 x 59 milímetros.
Poderiamos comentar que este reprodutor multimedia sería o máis semellante que podemos atopar no mercado a un móbil con Android 2.1 coas funcións de teléfono desactivadas, e sairá á venda a finais de outubro a un prezo de 249 euros na súa versión con 16 Gb de capacidade de almacenamento interna.
Sobre os formatos soportados polo dispositivo, teremos imaxes en JPEG, GIF, PNG, BMP e TIFF, música en MP3, WMA, M4A (AAC), OGG e FLAC e vídeo en WMV, MP4 (MPEG-4 e H.264 ata 720p) e AVI (MPEG-4 de ata 720p).

PUBLICIDADE