Philips recorre ao micromecenado para lanzar un proxector de tiro ultra curto

venres, 12 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Algúns fabricantes coñecidos recorren de cando en vez ao micromecenado para lanzar algúns produtos, cando non parece ser necesario para estas compañías, pero igualmente conseguen chamar a atención dos consumidores, como vén de facer Philips co seu proxector Screeneo U4, un proxector de tiro ultra curto capaz de proxectar unha pantalla de 120 polgadas a só 56 centímetros de distancia da parede, que pode conseguirse por tempo limitado por 649 euros (prezo ao que habería que engadir IVE e portes) e que ofrécese a través de Indiegogo.
O Philips Screeneo U4 é un produto moi interesante, polo seu tamaño compacto, ter resolución Full HD con soporte de HDR10, axustar a súa xeometría de xeito automático (o que facilita moito a súa instalación), que integra altofalantes 2.1 de 2 x 15 watts que incluso poden empregarse mediante Bluetooth á vez que tamén pode empregar o Bluetooth para reproducir son en altofalantes externos, e pode reproducir contidos achegados a través dos seus 2 portos HDMI 2.1 ou dun porto USB-A.
Pero este tipo de proxector ten os seus peros, pois aínda que a súa flexibilidade de colocación é moi atractiva (pois a entre 4,5 e 56,5 centímetros de distancia da parede pode xerar unha imaxe de entre 35 e 120 polgadas), reducindo o espazo preciso para a proxección e a problemática propia dos obstáculos no fogar, o seu brillo é de só 400 lumenes ANSI, ou sexa, que hai que empregalo en espazos escuros, de aí que o seu uso estaría limitado a escenarios moi específicos (principalmente para conseguir experiencias cinematográficas na casa).

PUBLICIDADE