PlayStation Plus ofrecerá o xogo Call of Duty: WWII

luns, 25 de maio do 2020 Marcus Fernández

Sen agardar ao anuncio oficial do xogos que formarán parte de PlayStation Plus no mes de xuño, adiantan que dende mañá estará dispoñible para os subscritores o xogo Call of Duty: WWII, o que será unha boa oportunidade para gozar deste xogo de acción en primeira persoa que foi considerado como un regreso ás raizames da saga, cunha redefinición da II Guerra Mundial, que foi moi benvida tras varias entregas futuristas da franquía.
Call of Duty: WWII para PlayStation 4 foi a entrega da franquía na campaña de Nadal de 2017, contando con modo campaña, modo multixogador e tamén o xa tradicional modo zombis. Este título podería achegar a moitos xogadores a unha entrega ordinaria da saga (que ultimamente está a captar moita atención por parte da súa versión free to play, Call of Duty Warzone) coincidindo moi probablemente coa presentación da entrega deste ano, que segundo filtracións sería Call of Duty: Black Ops Cold War, título que dá boas pistas sobre o rumbo que podería tomar o xogo (que estaría centrado en operacións encubertas en plena Guerra Fría).

O xogo que ofrecerá PlayStation Plus está ambientado na II Guerra Mundial
Call of Duty: WWII é unha das moitas entregas da saga que inclúe o modo zombis.

PUBLICIDADE