PlayStation VR2 chegará en febreiro a 599,99 euros

mércores, 2 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Tras desvelar as especificacións e o deseño de PlayStation VR2, o pasado verán anunciaron que o sistema de realidade virtual para PlayStation 5 chegará ao mercado en 2023, e finalmente por fin detallan este agardado lanzamento: PlayStation VR2 chegará chega o 23 de febreiro de 2023 por 599,99 euros, abríndose as reservas o vindeiro día 15 a través de distintos distribuidores.
O novo casco de realidade virtual poderase adquirir por separado por 599,99 euros ou incluíndo Horizon: Call of the Mountain por 649,99 euros, podendo mercarse unha estación de carga por 49,99 euros. Prevese que de lanzamento haxa máis de 20 títulos de realidade virtual para PS5.
Estamos así ante unha solución de realidade virtual comparable ás que podemos ver en PC, pero cun prezo bastante elevado para o hardware externo (o seu competidor máis directo, Meta Quest 2, ten un prezo de partida de 449,99 euros incluíndo o xogo Beat Saber), aínda que sería unha das achegas máis económicas a unha experiencia deste tipo, xa que o equipo principal é unha consola PlayStation 5, moito máis económica que un ordenador gaming co que poder mover grandes títulos de VR para PC.
PlayStation VR2 está baseado nun casco con sensores de movemento que integra un panel OLED cunha resolución de 2.000 x 2.040 píxeles por ollo e unha velocidade de refresco de 90/120 Hz que ofrece un campo de visión aproximado de 110 graos, e está acompañado por mandos para cadansúa man, que detectan os movementos en 6 eixes e integran retroalimentación háptica, polo que poden ofrecer unha experiencia moi inmersiva.
Practicamente o único pero que pode pórse a este hardware é que o casco teña que conectarse á consola mediante un cable USB-C (mentres que a solución de Meta pode funcionar sen fíos), recaendo no software a responsabilidade de que esta plataforma de VR trunfe, xa que serán as experiencias virtuais as que terán que cativar ao público.

PUBLICIDADE