PocketSprite, unha mini-consola que pode levarse no chaveiro

martes, 13 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos son moitos os dispositivos que valéndose da emulación permite gozar de videoxogos clásicos, e aínda que isto é posible incluso nun smartphone bastante básico, hai argalleiros que teiman en seguir a facer desenvolvementos con acento retro como PocketSprite, un proxecto de consola portátil de pequeno tamaño que está a buscar financiamento para converterse en realidade no mes de maio.
Este trebello podería describirse como unha Game Boy en miniatura (mide só 54 x 31 x 14 milímetros), que incluso podería levarse como se fose un chaveiro, e que correría xogos de Game Boy, Game Boy Color, Master System e Game Gear nunha reducida pantalla (25 x 22 milímetros) cunha resolución de só 96 x 64 píxeles (o que podería facer que moitos títulos fosen inxogables) e cun prezo tamén bastante contido (55 dólares).
Este trebello está baseado principalmente en código aberto, e tanto empregaría software libre como abriría o seu hardware aos usuarios, polo que sería un interesante produto principalmente para quen queira experimentar. Conta con Wi-Fi e Bluetooth, a súa batería cárgase por micro USB e permitirá horas de xogo cunha única carga, e aínda que a súa capacidade de almacenamento interno de 16 MB poida parecer ridícula a día de hoxe, cómpre lembrar que a meirande parte dos xogos emulados ocupan entre 64 e 128 KB, polo que podería albergar tranquilamente máis dun cento de títulos no seu interior.
Sen dúbida un produto moi curioso que, aínda que non é para calquera (especialmente polas dificultades de xogar cuns controis de tamaño tan reducido) pode resultar moi atractivo para os nostálxicos que gusten de levar unha mini-consola enriba para gozar dalgúns clásicos nos tempos mortos.

O reducido tamaño da consola dificulta o seu control

PUBLICIDADE