Pokémon GO actualízase para mellorar a súa estabilidade

luns, 1 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O fenómeno de Pokémon GO non cesa de coller forza, e para que os servidores que atenden ao xogo non padezan moitos máis problemas de saturación están a reducir o número de solicitudes que as aplicacións dos usuarios remiten, conseguindo así unha maior estabilidade, como resulta evidente na actualización para iOS e Android estreada a pasada fin de semana, con certa polémica, pois unha das funcionalidades do xogo que consistía en amosar as criaturas Pokémon que están preto da nosa posición xunto con 1, 2 ou 3 pegadas indicando a súa distancia, e que estaba a ter un funcionamento errático, finalmente eliminouse por completo, de xeito que as pegadas xa non figuran visibles (reducindo así considerablemente a carga dos servidores de Niantic).
Outras novidades da aplicación é que os avatares poden personalizarse dende a pantalla de perfil dos adestradores, melloráronse algunhas animacións nos ximnasios, axustáronse os valores de dano dalgúns Pokémon, arranxáronse problemas de memoria da aplicación, modificouse o cálculo de dano nos combates, corrixíronse varios fallos durante os encontros con Pokémon salvaxes e moitos outros cambios cativos que se fan notar principalmente nun mellor funcionamento do xogo.

Adiamento de Pokémon GO Plus

O accesorio para o xogo, a pulseira Pokémon GO Plus, que debería chegar aos seus compradores nun par de semanas, padeceu un adiamento, de xeito que en vez de lanzarse ao mercado a finais de xullo, finalmente non estará dispoñible para a súa compra ordinaria por 39,99 euros até primeiros de setembro, posiblemente ante a demanda moi superior ao esperado, xa que o éxito que está a ter Pokémon GO está a ser moi superior do previsto.
A pulseira facilitará o uso do xogo incluso cando non se estea a empregar o smartphone, xa que comunicarase coa aplicación a través de Bluetooth, e mediante un LED e vibracións advertirá ao xogador de acontecementos do xogo, como a aparición dun Pokémon nas proximidades, sendo posible efectuar algunha das funcións máis básicas (como atrapar un Pokémon) con só premer o botón do trebello.

O xogo en móbiles con Windows

Se ben Pokémon GO é un xogo exclusivo para Android e iOS, hai usuarios con móbiles con Windows que non se conforman, e están a traballar en PoGo-UWP, unha aplicación para a versión móbil de Windows 10 que está a desenvolverse en código aberto e que carece de moitas prestacións, pero que supón unha primeira achega para poder gozar do xogo en móbiles non compatibles.
A aplicación non está dispoñible na tenda oficial, de xeito que para a súa instalación hai que seguir numerosos pasos bastante complicados para os non iniciados, polo que non sería un proceso recomendable para que non fose desenvolvedor de aplicacións, pero serve de exemplo de como os desenvolvedores son quen de desentrañar o funcionamento dunha aplicación allea para poder emular o seu funcionamento en plataformas marxinadas como Windows 10 para móbiles.

PUBLICIDADE