Polaroid estrea unha cámara dixital instantánea

xoves, 10 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Coa fotografía dixital caeron na obsolescencia as cámaras instantáneas de Polaroid, pero a compañía quere recuperar o seu espírito e anuncia a Z340 Intant Digital Camera, unha cámara dixital de 14 Mpíxeles que integra unha impresora ZINK, o que permite facer copias en papel das nosas imaxes (nun tamaño de 7,62 x 10,16 centímetros).
Esta nova cámara ten unha pantalla LCD de 2,7 polgadas, almacena as fotografías en tarxetas SD, inclúe 10 follas de papel Polaroid ZINK (que poden comprarse en paquetes de 30 unidades por 19,99 dólares) e está dispoñible para a súa venda dende hoxe a un prezo de 299,99 dólares (220,19 euros).
Non parece a opción máis atractiva no mercado, especialmente dende que é posible adquirir impresoras fotográficas portátiles a un prezo atractivo, o que permite disparar as imaxes cunha cámara cunhas prestacións superiores ás da Polaroid Z340, que non parece nin cómoda nin cunha calidade aceptable para o que estamos afeitos actualmente.

PUBLICIDADE