Poñen á venda na India un smartphone repelente de mosquitos

xoves, 28 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O ano pasado LG sorprendeu comercializando na India un televisor coa tecnoloxía Mosquito Away, ou sexa, cun sistema de ultrasóns que supostamente repele aos molestos mosquitos, e parece que este reclamo resultou efectivo, e agora a compañía surcoreana comercializa o LG K7i, que presume de ser o primeiro smartphone con tecnoloxía Mosquito Away.
Estamos ante un teléfono 4G con dobre SIM e pantalla FWVGA de 5 polgadas, procesador de catro núcleos a 1,1 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 8 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles e batería extraíble de 2.500 mAh, que pode funcionar cunha traseira normal, podendo mudarse este elemento por unha traseira con Mosquito Away e incluso empregar un soporte para facer que esta funcionalidade poida resultar supostamente efectiva (pois non existen evidencias científicas que confirmen que os mosquitos fuxan dos ultrasóns que xeran este tipo de trebellos).
O seu prezo de venda é de 7.990 rupias (103,57 euros) e estes días comeza a chegar ás tendas da India, sendo bastante dubidoso que este produto saia dese mercado.

PUBLICIDADE