Pontevedra achega unha aplicación electrónica para a xestión tributaria

xoves, 22 de outubro do 2020 S. P.

O Concello de Pontevedra achega este mes de outubro unha aplicación electrónica desenvolvida para facilitar a xestión tributaria a nivel municipal. A ferramenta foi explicada nos seus detalles pola concelleira de Réxime Interior e portavoz do Goberno pontevedrés, Anabel Gulías, que lembrou que se trata, en termos concretos, dun apartado específico operativo dentro da Sede Electrónica na páxina web municipal e que permitirá á cidadanía facer cousas como domiciliar recibos, fraccionar os pagos, autoliquidar impostos e recibir notificacións vía SMS sobre a posta ao cobro dos recibos. O uso desta aplicación está suxeita ás fórmulas de autentificación de Clave Dixital.
Anabel Gulías engadiu que esta aplicación comeza permitindo a autoliquidación dos impostos do ICIO, cemiterios e transportes especiais e que a idea “é ir aumentando paulatinamente todos os servizos que se poidan autoliquidar de xeito que sexa máis sinxelo e reduza a atención presencial”. Tamén lembrou que a posta en marcha deste servizo abéirase ao obxectivo do Goberno municipal de modernizar a administración e que está co-financiada a través do fondo europeo FEDER no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra.

PUBLICIDADE