Pontevedra activa un sistema propio de xeorreferencia

martes, 26 de xaneiro do 2021 S. P.

O Concello de Pontevedra está a dar os últimos retoques este mes de xaneiro a un sistema propio de información xeográfica para todo o territorio local. A ferramenta, que estará activa e a disposición do público desde a páxina web municipal nas vindeiras semanas, reúne xa información da cartografía, do catastro, da distribución da poboación e do rueiro e as vías de comunicación, entre ouros elementos.
Trátase, segundo explicou na súa presentación a concelleira Anabel Gulías “dun traballo moi ambicioso” realizado desde diversos servizos municipais e coordinado polo departamento de Informática, e que permitirá “facer os datos municipais accesíbeis para que todo o mundo poida empregala e tirarlle partido, garantindo rapidez e inmediatez”.
O técnico encargado de desenvolver o proxecto, Santiago Pérez Agra, explicou que este sistema mestura datos de fontes propias e doutras procedentes da comunidade de Internet, como por exemplo Open Street Maps, que no caso de Pontevedra “ten identificadas e xeolocalizadas as sendas e vías peonís da cidade permitindo obter a ruta óptima de tránsito entre dous puntos da cidade”. Tamén explicou que este sistema permite acceder a todo o rueiro da cidade e núcleos de poboación das parroquias, á información catastral ou mesmo a “mapas de calor” que recollen a distribución e densidade da poboación.
Tamén achegará un vieiro directo a diferente información xeorreferenciada da cidade como composteiros, semáforos, paradas de taxi, lombos e redutores de velocidade, a liña de autobuses ou o trazado do Camiño de Santiago.
De cara a o futuro está previsto que se incrementen os puntos xeorreferenciados e se inclúan equipamentos como por exemplo os parques infantís ou os centros de ensino. As persoas usuarias deste sistema tamén poderán percorrer as vías e as sendas da cidade a través das fotografías 360º realizadas no ano 2018 ao abeiro dun proxecto no que se fotografou toda a cidade desde un vehículo.

PUBLICIDADE