PopBox V8, un novo reprodutor multimedia coa vista posta na Rede

mércores, 7 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Parece que os dispositivos como o web:tv de Blusens están de moda, e así temos que Syabas Technology vén de incorporar ao seu catálogo o PopBox V8, un trebello de 128 x 100 x 30,5 milímetros que funciona cun procesador Sigma Design 8671 a 700 MHz, 256 Mbytes de RAM e 256 Mbytes de NAND Flash e permite a reprodución de contidos multimedia en practicamente todos os formatos dispoñibles a través de portos USB 2.0 ou a través de conectividade de rede (inclúe un porto Fast Ethernet e tamén goza de Wi-Fi N grazas a un adaptador USB externo).
Este reprodutor non só soporta os formatos de vídeo en alta definición en contedores como o popular MKV, senón que tamén é compatible con imaxes de DVD e Blu-ray, pode navegar por ficheiros .IFO e soporta subtítulos nos formatos máis populares (con descarga automática dos mesmos baseándose no nome dos ficheiros).

O PopBox V8 permite o acceso a unha tenda con 80 aplicacións

O PopBox V8 pode conectarse ao televisor por HDMI 1.3a, vídeo por compoñentes ou vídeo composto, e para ampliar as súas posibilidades tamén ten acceso á popular tenda de aplicacións de PopCorn, polo que abre o trebello a múltiples servizos en liña como YouTube, Facebook, Twitter e moitos outros (cun total de 80 aplicacións).
O prezo deste dispositivo que sairá á venda a mediados de mes será de 139 euros, incluíndo inicialmente o adaptador USB Wi-Fi N sen custo adicional.


O funcionamento do PopBox V8 puido verse en vivo na pasada edición do IFA de Berlín

O PopBox V8 pode conectarse ao televisor mediante os conectores máis habituais

PUBLICIDADE