Premio Paraugas para Somos Semente, a campaña dixital da nosa agricultura ecolóxica

luns, 2 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A campaña galega de divulgación e mercadotecnia dixital Somos Semente, lanzada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA) para promover a marca no mundo (a nosa grande e diversa listaxe de produtos da terra respectuosos co medio ambiente), vén de obter un importante recoñecemento polo seu carácter innovador (a campaña, cen por cen online, é un relato audiovisual de tres capítulos lanzados nas redes sociais), pola calidade dos seus contidos e polos resultados obtidos pola iniciativa. Trátase do Premio Paraugas que entrega o Clúster de Comunicación de Galicia para pór en valor o traballo das empresas e os creativos da nosa terra.
O galardón foi entregado o pasado venres en Expourense. O xurado decantouse pola contribución de CRAEGA, desenvolvida pola axencia Roi Scroll, polo revolucionario da súa aposta, polo seu marcado compoñente emocional e por afondar nos fortes valores do organismo (respecto polo medio ambiente, benestar animal, desenvolvemento rural, etc), entre outras cuestións.
Somos Semente arrincou en outubro co lanzamento dos tres vídeos nos perfís dixitais corporativos (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube) e coa apertura do enderezo www.somossemente.com. Os contidos audiovisuais levarán en paralelo publicidade online que ten como cometido visualizar nas redes a marca CRAEGA e os seus valores.
Ademais de explicar que é o selo e que significa a certificación, a campaña quere espertar a conciencia do consumidor galego e lograr que se comprometa co sector.
Todas estas actividades difundiranse progresivamente na web www.craega.es, os perfís de Facebook, Twitter, Instagram e Youtube, o grupo de WhatsApp e tamén na revista corporativa do Consello.
Con máis de 3,2 millóns de impresións e 764.841 visualizacións dende outubro até hoxe, a campaña está a “colleitar excelentes resultados”, informa o Consello, que lembra que se trata da primeira vez na súa historia que lanza unha iniciativa destas características con difusión exclusiva en soportes dixitais.

PUBLICIDADE