Preparan a versión mini dunha máquina recreativa de SEGA

martes, 7 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A máquina recreativa SEGA Astro City converteuse en 1993 en todo un referente nos salóns recreativos nipóns, equipada cun monitor de 29 polgadas que podía rotarse en función do xogo co que a equipasen, e para renderlle homenaxe levan anos traballando nunha versión en miniatura da que deron conta na Rede dende hai meses, e que pretenden facer realidade a finais de ano no Xapón, onde venderase con 36 xogos precargados por 12.800 iens (105,30 euros).
Esta máquina recreativa en miniatura contará con saída HDMI para poder ver os xogos en pantalla grande, portos USB para poder conectar mandos externos e incluso toma para auriculares, aínda que o feito de que veña con xogos precargados semella o seu punto forte, xa que non serán títulos irrelevantes, senón grandes clásicos entre os que xa confirmaron que estarán Altered Beast, Fantasy Zone, Virtua Fighter, Puzzle & Action: Tant-R, Dark Edge, Columns II, Golden Axe, Golden Axe: The Revenge of Death Adder, Alien Storm e Alien Syndrome.
Polo momento non sabemos se este produto comercializarase internacionalmente, pero semella algo bastante probable se temos en conta que a Neo-Geo SNK Mini chegou a Europa en varias versións.

Vídeo no que podemos facernos unha idea de como sería a SEGA Astro City Mini

PUBLICIDADE