Presentan o novo Commodore AMIGA mini

mércores, 21 de marzo do 2012 Marcus Fernández

A marca Commodore non se conforma con volver ao mercado cun produto como o remake do Commodore 64 (adaptado aos novos tempos) senón que tamén quere recuperar ao seu irmán maior, o Commodore AMIGA, o que decidiron facer cun equipo de pequenas dimensións e grande potencia, tan válido como ordenador de escritorio como para colocar no salón da casa para a reprodución de películas ou gozar dos videoxogos para PC.
Este novo equipo está integrado nunha caixa de aluminio de 197 x 197 x 75 milímetros, no que logran meter unha placa base mini-ITX con 1 porto PCI Express x4 e outro mini PCI Express (ocupado por un módulo Wi-Fi N), unha unidade óptica slot-in (para unha lectora de Blu-ray con gravación de DVD), 2 baías para discos duros de 2,5 polgadas (ou unidades SSD para uns tempos de carga inferiores), un procesador Intel i7 de catro núcleos a 3,5 GHz, ata 16 Gb de RAM, gráfica nVIDIA GeForce GT 430 con 1 Gb de memoria integrada (con 2 portos DVI dual-link, 1 porto DisplayPort e 1 porto HDMI), son 7.1 integrado, 1 porto Gigabit Ethernet, 4 portos USB 3.0 e 4 portos USB 2.0.
Este interesante mini barebone Commodore AMIGA xa pode reservarse en negro ou prata en varias configuracións que parten de 345 dólares (para o ordenador sen equipar) ata os 3.490 dólares (na súa configuración máis esixente).

O mini barebone tamén está dispoñible en negro

PUBLICIDADE