Presentan unha máquina recreativa de sobremesa con 50 xogos de Neo-Geo precargados

mércores, 12 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Co gallo do 40º aniversario de SNK hai un par de anos comercializaron unha versión en miniatura da clásica recreativa Neo-Geo precargada cunha nutrida selección de xogos, que saíu á venda por 129,99 euros; o ano pasado quixeron repetir a xogada e optaron por un mando arcade que pode conectarse a un televisor para xogar e que incluía 20 xogos de loita precargados, podendo mercarse por uns 150 euros; pero para este ano a aposta vai moito máis aló e desvelan a NEOGEO MVSX, unha máquina recreativa doméstica en formato bartop (sobremesa) que en outubro sairá á venda nos EE.UU. por 449,99 dólares (499,99 dólares coa base de 81 centímetros de alto que a converte nunha recreativa de formato completo).
Falamos dunha máquina recreativa con 50 xogos de Neo-Geo preinstalados, que recrea as máquinas orixinais no seu deseño, contando cun par de mandos arcade para permitir xogar comodamente a 2 xogadores á vez e amosando as partidas nun monitor de 17 polgadas cunha resolución de 1.280 x 1.024 píxeles que mediante scan lines consegue replicar a aparencia das clásicas pantallas de tubo de raios catódicos.
A máquina mide 63 x 49 x 39 centímetros, pesa preto de 13 quilos, e presenta un aspecto moi semellante ao das múltiples máquinas recreativas personalizadas que podemos atopar no mercado actualmente, das que se diferenciaría principalmente por ser un produto que conta con licenzas oficiais. No que á selección de xogos integrados podemos atopar un catálogo moi semellante ao da NEOGEO mini, cun amplo abano de xogos de loita, a serie de Metal Slug e algún título deportivo, pero con grandes ausencias como Spinmaster, Top Hunter, Street Hoop, Neo Turf Masters, Blazing Star, Aero Fighters 2, NAM-1975, Windjammers ou Puzzle Bobble, ou sexa, sen os xogos máis representativos da plataforma que non son obra de SNK.

PUBLICIDADE