Preto de cen persoas formáronse xa na academia galega Emprende Makers
mércores, 7 de decembro do 2022
A
firma compostelá Vermislab, especializada en formación, divulgación
e desenvolvemento de novas ferramentas abertas e creativas, acolleu
este mércores 7 de decembro a visita da directora xeral de
Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao. Fíxoo para
coñecer polo miúdo a actividade xerada na academia maker de
Vermislab e para facer balance do programa Emprende
Makers, iniciativa formativa co-organizada pola Xunta (xunto coa
UVigo, o Concello e a Deputación de Ourense, entre outras entidades
galego-portuguesas) na que xa participaron preto de cen persoas e que
se apoia directamente no modelo de desenvolvemento empresarial
baseado no “faino ti mesmo”.
Ardao
sinalou que a academia Emprende Makers foi impulsada polo Goberno
galego para “democratizar a transformación dixital, potenciar a
formación e o intercambio de coñecementos e para favorecer a
creación de empresas innovadoras impulsadas pola mocidade”,
indicou, engadindo que a cultura maker constitúe “un activo
crucial para a sociedade” e “para o seu tecido empresarial e
industrial, ao aportar innovación e reinventar a actividade
empresarial usando tecnoloxías creativas e colaborativas de
fabricación dixital”.
O
programa, que está financiado ao 75% no marco do Programa Operativo
de Cooperación Transfronteriza España-Portugal 2014-2020, permitiu
desenvolver accións nos polos de emprendemento de Verín (Ourense
Sur), Silleda (Pontevedra Norte e Rías Baixas), Coristanco (Costa da
Morte) e no centro de desenvolvemento local de Vilanova de Arousa
(Pontevedra), que chegaron a 98 persoas usuarias que adquiriron
coñecementos para aplicar ás súas ideas de negocio.