Primux Tech complementa as nosas andainas ao aire libre co seu altofalante Beat 2

mércores, 22 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

O fabricante galego Primux Tech, emprazado na Tecnópole de Ourense e centrada no deseño e desenvolvemento de trebellos electrónicos, saúda a chegada do bo tempo (e dunha meirande incidencia nas nosas vidas das actividades de lecer ao aire libre) cun dispositivo feito a medida das excursións. Trátase do altofalante sen fíos Beat 2, un trebello que complementa con contribucións musicais, de comunicación e de seguridade as nosas sesións deportivas de adestramento ou as nosas xuntanzas coas amizades.
En palabras de Primux, “os altofalantes sen fíos para as persoas que practicamos deportes como o ciclismo ou a patinaxe son a mellor solución para evitarnos desgustos de diversa índole”.
En termos concretos, trebellos como o Beat 2 proporcionan “a posibilidade de ouvir o que acontece na nosa contorna de maneira nidia e reducen de maneira considerábel o risco de sufrir accidentes, nós e os nosos compañeiros de andaina”.
O dispositivo wireless de Primux salienta polo seguinte: pola súa durabilidade e capacidade de conexión, pola súa resistencia (é resistente á chuvia e á poeira, e moi acaido para as nosas saídas ao exterior), e polas súas amplas capacidades (amais de permitirnos escoitar música, podemos atender chamadas co micrófono mans ceibas que integra o aparello). Amais, o seu deseño é moi indicado para practicarmos deportes de exterior, especialmente ciclismo: está concibido para encaixar no porta-garrafas da bici ou nos petos exteriores da nosa mochila de deporte.

PUBLICIDADE