Prototype II, interesante mata-marcianos para PC de balde

venres, 19 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A inspiración en R-Type deste xogo gratuíto é evidente

Os afeccionados aos xogos mata-marcianos de desprazamento horizontal que tanto éxito tiveron en salóns recreativos e ordenadores (lembremos grandes títulos coma Némesis, Salamander ou Gradius) poden descargar de balde o xogo para PC Prototype II, que sería a secuela dun xogo que claramente está inspirado no clásico R-Type, conservando a súa estética e alta dificultade, pero presentando uns gráficos superiores. Precisa para funcionar dun equipo cun procesador de como mínimo 1 GHz de velocidade, 256 Mbytes de RAM e unha tarxeta gráfica equivalente ou superior a unha GeForce3.
Esta produción de Castle Software é altamente recomendable para os que queiran botar unha nova ollada a este vello xénero case desaparecido das pantallas do ordenador ou das consolas de última xeración, en boa medida porque foi pensado para as máquinas recreativas, pois este tipo de títulos perseguen unha diversión inmediata, cun nivel de dificultade moi superior ao dos xogos actuais (nos que hai puntos de gardado, posibilidades case infinitas de continuar as partidas e, en definitiva, non buscan captar as moedas do noso peto). Estariamos así ante un xogo que agradecerán os nostálxicos, por conservar inalterable o espírito deste tipo de xogos á vez que os seus gráficos remozados non fan que o vexamos coma algo cutre.

PUBLICIDADE