PuntoGal celebra o Nadal coa súa última promoción para 2022

venres, 9 de decembro do 2022 S. P.

A Asociación PuntoGal está a celebrar a chegada do Nadal, na compaña do Apalpador, cunha importante promoción destinada a facilitarnos a obtención dun dominio galego. De feito, a promoción consiste “nunha atractiva rebaixa no prezo dos novos dominios”, sinalan dende a asociación. En concreto, a través desta campaña nos rexistradores sumados a esta promoción poderemos o obter o noso .gal por un prezo máximo de 10 euros máis IVE. Estes prezos rebaixados estarán vixentes desde o día 12 e ata o 29 de decembro.
Dende PuntoGal explican que “para poder aproveitar a promoción de desconto nos prezos do .gal que trae o Apalpador”, é preciso dirixirse ás empresas rexistradoras Blacknight, Arsys, Dinahosting, INWX, CDMon, Openprovider, Radia e OVH.com, que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na promoción e atopar a que se adapte mellor ás súas necesidades.
“Dende PuntoGal, que xa superamos os 6.700 dominios rexistrados, seguimos a traballar para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na Rede como parte da comunidade galega poidan facelo cun prezo competitivo”, explican dende a asociación, engadindo que esta campaña centrada na figura do Apalpador foi redeseñada por Xoana Pousa, creadora multidisciplinar coruñesa formada en Belas Artes, coñecida tamén como Cuchiflainas polo seu proxecto de roupa, accesorios e ilustración.
Máis actividades recentes
O dominio continúa co seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as últimas actividades realizadas figura o patrocinio dos VII Premios Paraugas, que recoñecen as mellores estratexias de creatividade, deseño, edición, industria gráfica, mercadotecnia e comunicación, ou os VI Premios Spin-Off PuntoGal, que distinguen a transferencia de coñecemento entre a universidade pública e a empresa e alentan o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación.

PUBLICIDADE