PuntoGal súmase a unha alianza internacional pola seguridade electrónica

xoves, 2 de decembro do 2021 Redacción

PuntoGal vén de asinar a súa incorporación á Global Cyber Alliance (GCA), organización internacional creada en 2015 para afrontar os riscos cibernéticos e facer da Rede un lugar máis seguro. O dominio convértese así na primeira entidade galega en sumarse a esta alianza global, dentro da súa política de reforzar a seguridade do ámbito dixital. Segundo sinalaron ambas partes, o obxectivo desta colaboración é fomentar a confianza no ecosistema dixital galego, do que PuntoGal é unha peza fundamental.
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou que “a seguridade é un dos valores fundamentais do dominio. Desde a súa posta en marcha, mantemos unha política activa neste ámbito, co emprego de ferramentas e controis que reforzan a necesaria confianza que debe espertar un dominio no que as identidades están vencelladas ao territorio e ás empresas, entidades ou iniciativas galegas”. Para Janeiro, “a incorporación á GCA supón un paso relevante nese compromiso da man dunha alianza internacional que fornece ferramentas técnicas, información actualizada e conta cun programa de divulgación sobre unha das principais preocupacións dos usuarios da rede”. Janeiro sinalou, finalmente, que “o dominio seguirá colaborando no ámbito da seguridade dixital con novas iniciativas nas que está xa traballando”.
O convenio ofrecerá protección aos dominios .gal, coa incorporación á plataforma Domain Trust, un proxecto promovido pola GCA para facilitar o intercambio de información sobre dominios maliciosos, unha das infraestruturas esenciais usadas pola ciberdelincuencia.
Ademais, PuntoGal implementará un programa para darlle a coñecer aos usuarios do dominio (e ao público en xeral) os recursos gratuítos de ciberhixiene creados polo GCA e os seus socios, como a Caixa de Ferramentas de Ciberseguridade, o Portal de Formación ou as guías e recursos para a implantación do protocolo DMARC de protección do correo electrónico.
O acordo entre PuntoGal e a GCA inclúe tamén un capítulo de cooperación, ofrecendo ao GCA a posibilidade de presentar os seus programas e proxectos nos foros nos que participa PuntoGal, tanto a nivel galego como internacional, e nas entidades coas que ten convenios, facendo máis doada a adopción de ferramentas e boas prácticas de seguridade na rede.
O GCA, pola súa banda, conta con PuntoGal para participar activamente no seu traballo co resto de socios que integran tanto a alianza como o proxecto Domain Trust.

PUBLICIDADE