R contará con máis de 60.000 puntos de acceso Wi-Fi para os seus clientes

luns, 22 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Hai varios anos R estreou unha rede sen fíos para que os seus clientes puidesen acceder á Rede fóra do seu fogar, pero este servizo nunca gozou de grande popularidade e incluso resultaba bastante frustrante o seu uso, o que levou ao operador a iniciar a súa completa renovación, de xeito que vai desactivar as redes que respondían ao identificador wifi_cliente_r e paulatinamente irá activando redes Wi-Fi co identificador wificlientesR, que resultarán moito máis prácticos e presentaranse nun número moi superior (prevén superar os 60 mil, fronte aos 8 mil actuais).

Os usuarios de móbiles con Android terán doado configurar o seu smartphone para o acceso ao novo wificlientesR a través da aplicación oficial de R

O novo wificlientesR non quere limitarse a servir de punto de acceso para conectar o noso ordenador portátil en certas localizacións, senón que incluso busca ser un complemento para o noso smartphone ou a nosa tableta, de xeito que cando vaiamos pola rúa sexa posible que os nosos dispositivos móbiles accedan á Rede a través de Wi-Fi en vez de consumindo a nosa tarifa de datos.
A principal vantaxe da nova rede será que facilitarase a súa configuración nos nosos dispositivos de xeito que poderemos conectarnos á mesma de xeito automático, en vez de acceder a unha páxina web na que identificarnos cada pouco tempo para facilitar o noso acceso. En smartphones con Android poderemos recorrer á aplicación de R en Google Play, que facilitará a nosa identificación, mentres que no caso de contar con dispositivos con iOS poderemos solicitar un certificado que, tras a súa instalación nos nosos dispositivos (teléfonos ou tabletas) identificaranos dentro de wificlientesR sen ter que introducir o noso nome de usuario e contrasinal. No resto de casos, a través da páxina web do servizo facilítase a configuración necesaria, xunto con guías paso a paso, para que podamos facer que os nosos trebellos se conecten á nova rede Wi-Fi cando estea dispoñible.
Polo momento a cobertura da nova rede é algo limitada (podendo consultase a través dun mapa en liña) pero nos vindeiros meses realizarase un incremento do número de puntos de acceso aproveitando os routers instalados nos fogares e negocios de clientes de R que autoricen o aproveitamento do seu equipo de acceso para tal fin (sen afectar á súa velocidade de conexión á Rede) e utilizando como incentivo para tal autorización o acceso á rede wificlienteR (que achega un total de 20 GB de datos ao mes a máxima velocidade, que de superarse baixarían até os 256/256 Kbbps, o que resultará de grande utilidade para usuarios que acceden decotío á Rede en mobilidade). R permitirá unha conexión simultánea a wificlienteR por cada liña contratada.
Aparte dos puntos de acceso que aproveiten instalacións de clientes de R, o operador tamén colocará puntos de acceso profesionais en localizacións nas que detecten unha grande afluencia de usuarios, para así poder atender a demanda de accesos á Rede con calidade.


Vídeo promocional do novo wificlientesR

PUBLICIDADE