R fai medrar a cifra de domicilios e negocios de Gondomar que contan coa súa fibra óptica
venres, 19 de febreiro do 2021
A
operadora R vén de incrementar a cantidade fogares e negocios de
Gondomar con posibilidade de conectarse á súa fibra óptica FTTH
(tecnoloxía de fibra até o fogar). Os núcleos de Antime, Bade,
Raposeira, Rasas, Sequeiros, Batizosa, Guillufe, Gulfar, Picouso e
Viño, no termo municipal pontevedrés, xa dispoñen de accesos
ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps e poden desfrutar doutros
servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova
xeración de R. O despregue destes equipamentos levouse a cabo
“aproveitando ao máximo as infraestruturas destes núcleos de
Gondomar”, segundo fixo saber a compañía.
O
devandito tradúcese en que a día de hoxe 448 novos fogares e
negocios destes lugares do municipio pontevedrés estean xa
preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet
de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R.
Cando
remate o plan, en 2021, esa cifra será de 2.000 unidades
inmobiliarias conectadas.
O
operador galego leva anos investindo no fornecemento de rede en
Gondomar, onde a día de hoxe xa dispoñen da cobertura das redes de
nova xeración de R un total de 1.713 fogares e empresas deste
municipio da provincia de Pontevedra.
Este
e outros despregues na provincia de Pontevedra forman parte dun dos
tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e
Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar,
antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non
dispuxeran de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No
desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10 millóns de euros, dos
cales preto de 8 millóns de euros serán subvencionados polos fondos FEDER da
Unión Europea. En concreto, o despregamento de Gondomar encádrase
no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196
núcleos de municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). Os
fornecementos tecnolóxicos nestas zonas suporán un investimento
total de 3,75 millóns de euros, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de
3 millóns de euros.