R preselecciona 20 proxectos para a súa aceleradora DiCo Challenge

venres, 1 de marzo do 2019 Redacción

Finalmente a aceleradora de R de proxectos de contidos dixitais, DiCo Challenge, xa conta con propostas preseleccionadas para participar nela. Trátase de 20 proxectos innovadores todos eles co nexo común de revolucionar o ámbito do coñecemento, a comunicación, os contidos e, tamén, as plataformas e canles por onde viaxan eses contidos. As propostas foron elixidas polo comité avaliador do programa Startups R DiCo Challenge, no que, como lembraremos, tamén participa a axencia AMTEGA. O comité, de feito, está formado por dous representantes de R, dous da AMTEGA e máis un da CRTVG, patrocinadora dun dos retos. As 20 iniciativas preseleccionadas están ligadas a algún dos cinco retos tecnolóxicos que foron lanzados en decembro pola operadora galega.
As 20 candidaturas, das 42 que se presentaron, proceden de startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e mesmo dalgún centro tecnolóxico e universitario, e todas elas están arestora mergulladas na devandita fase de preaceleración.
Para o reto 1, Enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, foron escollidos dous proxectos: a empresa Sixtema propón unha segunda pantalla intelixente para a visualización de contidos mentres que M. International Audiovisual aposta por unha rede de adquisición de partidos de fútbol base. No reto 2, Aplicacións para Android TV, está, por exemplo, un proxecto de Cuicui Studios que propón unha aplicación de xogos brain training; e no reto 3, Contidos formativos e divulgativos innovadores, Adivina defende unha plataforma de realidade virtual para espectáculos culturais. No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, figuran, entre outros, os proxectos de Muutech Monitoring Solutions, apostando por un sistema de monitoraxe integral para xestores de contidos dixitais; o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que propón Big Data para o consumo audiovisual, e Mario Pérez Fernández (Galopiño), con outra idea de visualización da datos a gran escala aplicada ao consumo televisivo.
Algunhas das propostas do reto aberto son a de Sun Global Network, que concorre cunha multiplataforma de contidos especializados en motor, Imagames Gamification Services, cunha plataforma gamer para a experiencia audiovisual en R; Doc Hub, que propón un servizo de documentais e contidos de divulgación científico-tecnolóxica; Xoia Software Development e a súa proposta sobre contidos televisivos de realidade virtual ou Alexandre Fernández Pita (Vas caer!), que defende un concurso transmedia.
Pitching, aceleración e Demo Day
Segundo informa R, no actual treito de preaceleración asinouse un contrato de confidencialidade coas empresas ou emprendedores seleccionados, que terán contacto directo cos mentores estes días para intercambiar información e traballar en obradoiros de cara a preparar o seu modelo de negocio e a defensa da súa idea nunha xornada pitch day o 7 de marzo. Dela sairán os cinco proxectos definitivos que pasan á fase de aceleración.
Será entón cando comecen as actividades de asesoramento, formación e seguimento durante 4 meses (18 de marzo-19 de xullo). Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Tamén poderán utilizar en todo intre o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. Ademais, R converterase para eles nun potencial primeiro cliente e nun “trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado”, sinala a firma de cable galega, engadindo que “quen desenvolvan o reto patrocinado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas”.
Amais, a primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada Demo Day a finais do verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados. Finalmente abrirase, para os proxectos, un período de saída progresiva da aceleradora.


PUBLICIDADE