R rexistrou un aumento na cota da TVG dun 30% durante a alarma sanitaria

xoves, 9 de xullo do 2020 Sonia Pena

A operadora R fixo un novo balance da actividade dos seus servizos durante a alarma sanitaria, desta volta poñendo o foco no plano audiovisual, que, por razóns obvias, foi un dos grandes protagonistas (unha das grandes alternativas de lecer para as familias confinadas) durante o período máis crítico da pandemia. Segundo informou a operadora galega, os contidos televisivos locais ou rexionais e a información máis próxima foron as opcións máis elixidas polos clientes durante a crise da COVID, “sobre todo para seguir de actualidade relativa á evolución da pandemia nas semanas de confinamento”. Neste senso, a TVG acadou un incremento de cota de pantalla do 30% con respecto á rexistrada a principio de ano.
Desta maneira, a canle autonómica resultou ser unha das cinco canles máis visitas durante o período de reclusión nos fogares polos espectadores e clientes da operadora. Este consumo de contidos centrouse sobre todo na programación en directo, tanto na canle principal da Televisión de Galicia como na TVG2 (máis centrada en espazos infantís e xuvenís, culturais, documentais, redifusións da primeira canle e contidos deportivos os fins de semana). O seguimento tamén se apercibiu na programación en diferido ou baixo demanda, onde a audiencia de R, sinala a operadora, “puido aproveitar todas as funcionalidades dos seus descodificadores 4k”.
A compañía galega tamén fixo saber que durante os devanditos meses o consumo medio acumulado dos/as espectadores/as da TVG clientes/as de R superou as 12 horas, “o que supón un consumo medio por persoa superior aos 40 minutos diarios”.
No seu novo balance, R sinala a maiores que nos meses anteriores ao verán, o confinamento traduciuse en “porcentaxes de consumo televisivo insospeitados ao principio do ano”, o que se reflicte na taxa de visualización media diaria de TV (un 45% máis do habitual) e no medre dos consumos de contidos infantís, que chegaron a crecer un 48%.
No informe tamén se achegan datos por idades, e especifícase que a visualización de TV infantil que máis se incrementou foi a da grella destinada a menores de catro anos, xa que se multiplicaron por 9 os seus rexistros habituais. En canto ao consumo de televisión para maiores de catro anos, chegou a medrar un 29% e un 54% os contidos para preadolescentes.

PUBLICIDADE